Para o público
Unha consulta rápida da actividade cultural e de lecer dos tres concellos, organizada por data, lugar e horario. Menos buscas dispersas e máis oportunidades para descubrir propostas próximas.
Historia de BuMoCa
Unha axenda común para descubrir a cultura de Bueu, Moaña e Cangas como parte dun mesmo territorio.
Tres concellos, unha axenda
O nome BuMoCa nace das iniciais de Bueu, Moaña e Cangas. Máis ca unha abreviatura, expresa a idea que sostén todo o proxecto: a cultura do Morrazo non remata nos límites de cada concello.
Cada municipio conserva a súa programación e a súa identidade, pero a cidadanía móvese, comparte espazos e participa en propostas de toda a comarca. BuMoCa reúne esa actividade nunha única consulta para facer visible o que xa nos conecta.
O punto de partida
BuMoCa xurdiu dunha situación cotiá: querer saber que facer durante a fin de semana e descubrir que a información estaba repartida entre webs municipais, redes sociais, carteis, medios de comunicación e publicacións de entidades culturais.
Esa dispersión facía que moitas persoas consultasen só a programación do seu concello e perdesen actividades próximas. A resposta foi ordenar as propostas dos tres municipios nun calendario común, no que se poida comprobar con rapidez que acontece, onde e a que hora.
O resultado non substitúe as axendas municipais: conéctaas. Así, unha actividade de Bueu pode chegar ao público de Moaña e Cangas, e viceversa, ampliando a circulación da cultura por todo o Morrazo.
Unha ferramenta aberta
Unha consulta rápida da actividade cultural e de lecer dos tres concellos, organizada por data, lugar e horario. Menos buscas dispersas e máis oportunidades para descubrir propostas próximas.
Asociacións, colectivos, artistas, salas, entidades e programadores gañan visibilidade e poden consultar que outras actividades están previstas. Esta visión de conxunto axuda a reducir coincidencias innecesarias e favorece unha programación máis ordenada.
Unha axenda viva
A programación dispoñible dos tres concellos incorpórase a unha mesma axenda.
As propostas enviadas por entidades ou particulares compróbanse antes de seren publicadas.
A información revísase a diario para manter a axenda útil, clara e ao día.
As áreas de Cultura dos tres concellos tamén teñen acceso ao calendario para incorporar directamente as súas actividades.
Un proxecto compartido
A posta en marcha de BuMoCa contou coa implicación das responsables e do persoal técnico de Cultura dos tres concellos. Participaron Carmen García, Coral Ríos e Xiana Abal, por Bueu, Moaña e Cangas respectivamente, xunto coa colaboración das técnicas municipais Mar Núñez e Cristina Padín.
O proxecto foi ideado e desenvolvido por Borja Brun como unha achega ao ecosistema cultural do Morrazo. Naceu dunha necesidade persoal, pero cunha vocación colectiva: converter información fragmentada nun servizo accesible para toda a cidadanía.
Un nome con memoria
O nome contén tamén un pequeno aceno á memoria local. Bumoca foi unha histórica sociedade cooperativa fundada en 1982, vinculada a un dos primeiros supermercados modernos de Cangas. Naquela iniciativa participou, entre outras persoas, Suso Caramuxo.
A BuMoCa actual é un proxecto diferente, pero recupera esa sonoridade para unha nova ferramenta compartida: antes arredor do comercio cooperativo; hoxe, arredor da cultura e da información común.
BuMoCa nos medios
A axenda tamén se constrúe contigo
Persoas, asociacións e entidades poden enviar propostas para a súa revisión. Tamén é posible remitilas ás áreas de Cultura de Bueu, Moaña ou Cangas.